27/02/12

Competindo. Obxectivo París VIII

video


Outra semana de adestramentos e competición para pórmos en forma de cara ao obxectivo principal do ano a maratón de París . Semana tranquila de rodaxes suaves e de pouscas series para rematar cunha carreira de dez quilómetros e por casualidades nesta data cuadraba a VI edición da Interrruning no Porriño.
Até alí fomos os Taninos e acompañantes nunha fresca e soleada mañá.
A tónica xeral foi de satisfación entre os Taninos, cada quen cumpriu o seu obxectivo. Pola miña banda estou máis que satisfeito.

Pretendía exprimirme e comprobar como vai a miña preparación xa que este ano estouna facendo practicamente só e non teño xeito de medirme nos adestramentos cos meus compañeiros de equipo. Pretendía exprimirme e o fixen, saín  a tope dende o pistoletazo de saída e fun marcando sempre  ritmos inferiores a 3:55'/km . Ao ser un circuíto de voltas ( 3 voltas) fíxóseme aburrido e un tanto agobiante. non me gustan os circuítos de  voltas e menos se son tres ou máis. Na segunda xa ía desexando rematar. Conseguín o obxectivo de baixar de 38' e ademais mellorar a miña marca persoal ( 37':36'' ) polo que non podo máis que estar satisfeito.

Agora temos unhas semanas de adestramento realmente duras con series esixentes e longas  e xa coas vista posta na XIII edición da Vig-Bay na que pretendo facer unha boísisma marca.

Nesta edición os Taninos Runners de Ponteareas competiremos cun equipo de dezaoito membros , a máis numerosa dende que empezamos a darlle zapatilla.

VI Interruning 2012




Saúde e quilómetros!

20/02/12

Competindo. Obxectivo París VII

Semana marcada pola miña e a dos tanitos participación na I media maratón do Riberiro, organizada por Viña Costeira ( Ribadavia) . A participación nesta proba non descoidou a preparación da maratón de París, verdadeiro obxectivo deste ano. Series de costas, as derradeiras, rodaxe semiloga de 75', series longas de 5' e unha rodaxe de 60' antes de viaxar ata o Ribeiro.

Fun de véspera, coa miña compañeira, de turismo rural. Pola mañán erguinme cediño e o día estaba neboeiro e frío polo que decidín abrigarme e correr con camiseta técnica e luvas. Ao pouco de empezar a carreira o sol fixo presencia e as luvas sobraron.

O perfil da proba era duriño, pois os derradeiros quilómetros tiraban para enriba, as contas eran saír a 4:10 e ir baixando , se for posible. Do plan ao que sucedeu , un abismo. Saímos por debaixo de 4'/km aproveitando o perfil para abaixo. Xunteime cun grupiño que se mantivo ata o km 11, a partir de aí, cada quen ao seu. 
Tratei dende o principio de alcanzar a Fernando Rama, a quen levaba a vista dende a saída, pero foime imposíbel e non só non o collín senón que me colleu aínda máis distancia.

Cando o terreo empezou  a inclinarse, pensei que ía pagar o esforzo mais ocorreu o contrario, atopeime ben, adiantei a Edu e fun forte nos derradeiros quilómetros.

Satisfeito polo tempo realizado 1 h:25:47. Os demais taninos tamén, boa mostra de que o plan de adestramento vai dando froitos.

A vindeira semana é de recuperación, rodaxes máis curtas, series menos esixentes para rematar coa desputa dun 10000 a tope. Este será na Intersport do Porriño, outro bo test. Informaremos.


Saúde e quilómetros

12/02/12

Modo adestramento. Obxectivo París VI

Empecei a semana con preocupacións polo meu estado físico xa que doía o nocello dereito de tal xeito que coxeaba un chisco. Solución visitar ao fisio e que me tratara. O diagnóstico: os peroneos cargados. Tratamento fisoterapéutico, antiinflamatorio e calor ( radio salil ) . O martes fun probarme facendo unha rodaxe de 75', vaia maneira de probarse, e saíu ben, sen dor, sen molestias. Polo  tanto seguín co mesmo plan previsto series de costas o mércores , 4 de 7' o sábado e rodaxes de 75' o xoves e de 100' o domingo.

Rematou a semana de boa maneira, a rodaxe do domingo foi mellor do pensadao, cheguei con moitos quilómetros nas pernas e non sabía que ritmos podía chegar a manter na tirada dominical. Os primeiros cinco quilómetros foron por riba dos 5'/km pero a partir de aí foron en progresión rematando os derradeiros por debaixo de 4'/km. Sorprendido de min mesmo. Estou satisfeito espero que as lesións nos repeten a todos  e que a carreira poña  a cada quen no seu sitio.
  
Por certo, estrenei zapatillas, estas son as  Brooks Trance 11, para superpronadores coma min. É unha zapatilla tope de gama e que polo tanto costou o seu, espero que saian boas .


Vindeira semana coa vista posta na media do Riberio, un bo tests para medir as forzas.

Saúde e quilómetros!

06/02/12

Modo adestramento. Obxectivo París V

Boa semana de adestramento. Cada vez voume sentindo mellor, os tempos nas series van saíndo e nas tiradas longas e semilongas vou conseguindo bos ritmos. Non me preocupa facer as series longas entre semana, xa lle collín o truco e ás rodaxes tamén, é dicir, estou contendo coa miña progresión, a miña nota sería : progresa axeitadamente.

Teño en mente probarme na media do Ribeiro e a seguir na Intersport do Porriño, de seguir así deberían saír ben.

O que me preocupa e unha dor aguda no xeonllo dereito ( unha vez superdas as molestias no esquerdo agora toca o dereito). Despois da tirada do domingo teño máis dor e xa me empeza a preocupar, de feito xa pedín cita co fisio para avaliar a situación pero creo que vou ter que parar uns días, espero que só sexan uns días.

Xa se verá.