25/08/11

Volvemos as andadas, seguimos correndo.

Non parei de correr, ou case, excepto quince días por unhas molestias no calcaño esquerdo que se ben non desapareceron de todo polo de agora non me impiden correr. Dende a carreira de Leiro a primeiros de xullo non volvín a competir, nin por forma física nin por ganas. Saín a adestrar os martes e os xoves por Ponteareas acompañado dun cada vez máis numeroso grupo de compañeiros que se uniron aos Taninos. Os sábados e/ou os domingos saía a correr polas rúas de Vigo, nada que ver con correr polas terras do Condado, demasiados coches e cemento para meu gusto.

Agora que remata agosto e semella que o verán vai tocando ao seu fin hai que ir pensando en novos retos. De primeiras temos en mente a media maratón de Pontevedra e polo medio o maratón por relevos de Ourense. Na distancia está a vindeira maratón á que queremos ir os Taninos, en principio Barcelona se ben abrimos a posibilidade de participar noutra se se dan as circunstancias.
Pouco a pouco irei retomando os costume de escribir neste blog, non hai que perder os bos costumes

Saúde e quilómetros!!

Deixo a ligazón as fotos das destas do verán e unhas fotos tiradas durante a nosa estancia en Sevilla.
sevilla 2011


Churrascada Tista


Churrascada Tanina

28/06/11

XXVIII Nocturna de San Xoán ( Vigo )

XXVIII Nocturna San Xoán ( Vigo)



Volvín á competición, dous meses e medio despois da Vig-Bay decidín voltar a sentir o que é participar nunha carreira. Axudoume a tomar esta decisión dúas cousas : que me atopaba cada vez mellor de forma e que o circuíto é moi agradecido xa que apenas ten dificultades que salvar. Xunteime con varios Taninos na praza do Rei media hora antes do comenzo da proba. A praza rebosaba de corredores ( máis de oitocentos) o que dificultaba o quecemento que consistiu nunhas voltas ao redor da praza esquivando corredores.

As 21:15 deuse a saída. Situárame atrás,non queria ser deborado pola masa ávida de correr, pretendía saír reservón. Xa na rúa Camelias me din conta de que unha cousa é saír reservón e outra ter que andar polo que me vin obrigado a correr pola beiravía ata chegar á rúa Pi y Margall onde xa puiden correr ao meu ritmo sen impedimentos.

No meu cronómetro marcaba ritmos por debaixo de 4'/km o que me sorprendeu por que non cría que podía estar para acadar eses ritmos. A rúa Coruña semellaba unha pista de despegue pola velocidade que collían todos os corredores. A calma chegou na rúa Tomás Alonso, así e todo seguía adiantando corredores ata chegar a Bouzas. Alí xiramos cara ao Berbés pola avenida de Beiramar e a cousa cambiou un chisco pois o vento fixo acto de presencia dando forte de cara. No cruce coa rúa Coruña deume alcance un corredor co que seguín ata a gasolineira de Beiramar onde me deixou atrás,non me apeteceía esforzarme máis. Xa entrando na praza do Berbés apretei un pouquiño para non deixarme superar por outro corredor e facer un tempo de 30':48'', por debaixo das miñas espectativas iniciais.

Agora estou pensando en inscribirme en Leiro polo aquel de seguir no ambiente das carreiras e disfrutar dunha fermosa paisaxe polas terras do Ribeiro.

07/06/11

Seica teño que volver a escribir

A xente me di : xa non escribes, que pasa xa non corres? No, non escribo, si , sigo correndo, é a miña resposta. Por que non escribo? sinxelamente : non teño nada que contar, non hai carreiras nin obxectivos á vista e ademais fáltame inspiración.
Aproveito par facer un resumo da miña actividade físico-deportiva dende a Vig-bay . A semana seguinte desta proba fun doar sangue ( aférese para ser máis preciso ) e dígoo por que non sei s e foi a raíz disto pero entrei nun baixón físico brutal. Cada vez que saía a correr sufría, ritmos baixos, cansinos e con moito esforzo. Pensei que podía ser froito da falta de obxectivos e marqueime un: a media de Coruña pasando antes pola carreira da Agüíñas no Porriño. Nin por esas, a carreira resultou un desastre , apenas sete km. que me costaron rematar polo que tomei a decisión de non correr na Coruña ( se non estou para correr sete como vou correr vinte e un ? pensei).
Cambio de obxectivo, había que recuperar folgos. Dende esa semana saír a correr sería saír a trotar para ir recuperando sensacións, nada de carreiras, nada de series.
A principios de mes de xuño decidín regresar ao ximnasio para volver á rutina e para compensar a falta de adestramentos. E nestas estamos, se todo vai ben igual me animo a participar nalgunha carreira como na nocturna de San Xoan.

Se cadra volverei a escribir.

Saúde e quilómetros!!

Pd. O 8 de xuño celébrase a primeira "pachanga tanina" de futbol . A ver que tal se nos dá correr detrás do balón.

04/05/11

E volveron as series

Dende a Vig-bay non teño corrido moito, como moito tres días a semana o que máis. Precisaba dun descanso físico e psíquico, pero hoxe, animado por Edu e Isma atrevinme a facer unhas series de 1000 m. con eles. Máis ben acompañeinos ata Pardellas e alí xunto con Anxo fixen cinco series de mil entre 3:58 e 3:38. As sensacións? penosas, como boto de menos estar en forma! As pernas pesadas, falto de ritmo, sen forzas... en definitiva que estou para o arrastre.

O peor é que estou inscrito na carreira das Agüiñas, organizada pola Club de atletismo Porriño, este domingo día 8, e á media maratón de A Coruña para o día 15. Se a estas sensaciósn das series de hoxe lle sumo a "páxara" que me deu o domingo pasado adestrando o futuro nestas carreiras éche ben negro. Mais non desespero, seguro que me irei atopando mellor pouco a pouco, agora non me preocupa moito non facelo ben nestas carreiras, ata despois do verán teño tempo de pórme en forma e aí si que darei guerra, de momento a gozar de correr coa luz do sol e co calorciño e das festas e comilonas como a que temos prevista para o 14 na finca do Tanino Tista quen nesta fin de semana vai participar nos 101 Km. de Ronda, dende aquí moitos ánimos para tan dura proba.


Seguimos na estrada ! ( menos pero seguimos!)

11/04/11

XII Media maratón Vig-bay. A crónica


E saiu ben, tanto medo que tiña e que ben o pasei!. Mañá perfecta para correr, fresquiña, perfecta para correr. Así estaba a climatoloxía ás nove da mañá cando os Taninos e acompañantes chegamos a Samil. A avenida xa arrecendía a carreira importante.

Como non tiña claro cal ía ser o meu rendemento na carreira, tomeino con moita calma, non estaba nervioso, decidira desfrutar de todo o ambiente que rodea a esta proba.

A carreira comenzou putual, ás 10:30, os Taninos saímos moi adiante, tanto que tardei apenas sete segundos en pasar por debaixo do arco de saída. Nese intre ía acompañado de Tista, Edu, Isma, Sito, Dani, David e Robert. Saímos moi libres, sen apenas ser estorbados o que fixo que marcásemos un primeiro quilómetro moi rápido. Atopábame ben pero optei por facer unha carreira conservadora, o medo a mancarme de novo estivo presente en toda a carreira. Primeiro quixen acompañar a David e marquei o ritmo que el desexaba seguir, mais antes de sair de Samil vin que non era quen de me seguir. Púxenme a carón de Dani momento no que me enterei de que ía tocado dun isquio por culpa dun mal paso ao esquivar un cono do trazado. Acompañeino ata a praia de Canido e xusto antes de inciar a subida díxome que non podía seguir, xa en meta me diría que fixo o resto da carreira "andando"! ( impresionante! ). Quedei só, Isma ía xa bastantes metros por diante e por suposto Edu, Sito e Tista a moitos máis.

Km. 10 en 41:00 minutos, ben, controlando, o duro aínda estaba por chegar e quería gardar forzas. Sobre o km 14 alcánzame Pancho ( Beauvais) e decido seguilo, chegamos a Praia América o día empeza a abrir e o sol a pegar, nin gorra, nin crema solar para protexerme ( ámbalas dúas cousas quedarían no coche), aproveito todos os avituallamentos para refrescarme por dentro e por fóra.
Km 17 , A Ramallosa, o percorrido cambia de sentido e o vento fai presencia de cara, pega forte, moléstame e fai que teña que esforzarme máis. A dúbida sobre a miña lesión segue na cabeza, non me atrevo a cambiar o ritmo ( tampouco sei se sería quen de facelo). Pasamos Sabarís, teño a impresión de que este ano hai máis xente animando nesta zona. Vou ben, facendo cálculos , creo que podo baixar da hora vinte e seis. Chegamos a Baiona, como sempre o derradeiro km. faise interminable, como chego bastante fresco podo gozar do espectáculo, busco coa mirada aos amigos e saúdo, teño forzas para esprintar e facer unha marca por debaixo do previsto :1 hora 25 min. 45 seg. non está nada mal para levar quince días sen adestrar.

Na liña de meta saúdame Pilar Ruiz, alma mater desta carreira e aproveito para agradecerlle os detalles que tivo cara a nós no proceso de inscripción e para darlle a noraboa pola organización.

Xa no magnífico avituallamento que nos tiñan preparado ( rosca, iogures, auga, froita, isotónicas ) saúdo aos meus compañeiros,cada quen conta a súa carreira mentres repón forzas, e non me deixo de asombrar cos corredores que parecen saídos dunha pelicula de posguerra cargando en caixas produtos do avituallamento, increíble!.

Mágnifica carreira para min, unha fixa no meu calendario e iso que, fose pola calor, por lesións ou por falta de preparación, aínda non conseguín facer a carreira perfecta nesta proba . Quen sabe igual na vindeira edición.

Clasificación da XII Vig-Bay

Fotos dos Taninos

Saúde e quilómetros!!

07/04/11

XII Media maratón Vig-bay


Pois si , creo que estou apto para poder participar. Hoxe, xoves, veño de facer unha proba do meu estado físico. A lesión non me provocou molestias outro tema é a falta de adestramentos provocada polo parón ao que me vin obrigado para recuperarme da lesión, dez días sen adestrar.
Na proba de hoxe notei as pernas moi pesadas consecuencia lóxica de non adestrar e do paso polas mans da fisioterapeuta.

Non podo pensar en facer marca persoal, nin tan sequera baixar o tempo da edición pasada, agora mesmo con chegar á meta de Baiona sen problemas doume por satisfeito.

A carreira é, na miña opinión, a mellor de Galicia. Cada ano máis e máis corredores se preparan para participar nela. Por percorrido, polo ben facer da organización paga a pena participar aínda que non sexa nas mellores condicións.

Os Taninos presentamos equipo por cuarto ano consecutivo. As nosa aspiración tanto individual como por equipos non pode pasar máis alá de pasalo ben e se podemos entrar entre os vinte primeiros equipos mellor.

O domingo día a dez é a cita, as previsións meteorolóxicas son boas polo tanto só falta poder desfrutar.

Sáude e quilómetros!!

30/03/11

A cousa pinta mal


A menos de quince días da edición máis numerosa da historia da media maratón Vig-bay , máis de catro mil inscritos, non teño segura a miña participación. É lei dos deportistas as lesións ,que sempre son inoportunas pero as veces son "máis" inoportunas.
Hai dúas semanas manqueime nun adestramento facendo series, unha sobrecarga que derivou nunha contractura. Descansei , fun a fisioterapia e nunha semana estaba de novo dándolle á zapatilla. Tan ben me atopaba que decidín ir á V carreira dos 10Km da cidade univeristaria de Vigo (máis coñecida como CUVI). Esa semana adestrei ben, sen molestias se ben é certo que non lle metera ritmos altos.

O domingo fomos ata a mencionada carreira Tista, Isma, Edu, David, Victor e un servidor ademais da sección femenina dos taninos :Mónica Hombreiro. A miñasintención era rematar entorno aos 38' e con esa intención saín preto da cabeza de carreira, non moi lonxe de Edu, fun só ata o km 3 no que me colle Isma e continuamos xuntos, sempre vendo na distancia a Edu, aos demais compañeiros víamolos nos cambios de dirección que facía o circuíto. Así fomos , mantendo sempre un ritmo por debaixo de 4'/Km ata o km 9. Aquí pasou o inesperado, sen aviso previo sentín como se me cargaba o isquio dereito e me obrigaba primeiro a baixar o ritmo e despois ter que parar e regresar a meta andando, foi a miña primeira retirada nunha carreira. Os demais compañeiros cumpriron os seus obxectivos coas escepción de Edu que uns segundos antes de pararme eu tamén se viu obrigado a parar por unha forte dor causada por un flato e unha vez recuperado puido reanudar a carreira, se ben non puido cumprir os seus obxectivos. Mónica pola súa parte rematou a carreira moi ben e iso que se queixaba dun xeonllo.

Tres días despois da carreira sigo con molestias. Trala carreira apliqueille xeo, e pomadas antiinflamatorias, ademais de sesións de fisoterapia e aínda así noto molestias. Creo que me teño que esquecer de poder facer unha boa marca na carreria, iso para empezar, e espero que as consecuencias sexan só esas, a día de hoxe dou por bo podela correr sen molestias, for cal for o tempo que faga.
Fago votos para que así sexa, descansarei o que sexa necesario, non farei ningunha actividade deportiva, seguirei indo a fisioterapia, tomando ibuprofeno, aplicando frio e Voltarén todo por poder estar na saída da mellor carreira de Galicia o día 10 de abril e podela disputar en compañia dos Taninos e catro mil corredores máis.

Saúde e quilómetros!!

21/03/11

XII Media maratón Vig-Bay

A menos de vinte días para esta carreira os taninos xa temos o equipo conformado e inscrito e este ano cunha novidade, por primeira vez formará parte do equipo unha fémina: Mónica Hombreiro, a compañeira do tamén tanino Fernando Rama a quen recibimos con ledicia e que vai debitar na distancia, dende aquí desexámoslle éxito na súa carreira.

Polo que respecta ao resto de integrantes estes son:

Edu , Tista, Isma, Dani, David, Victor, Robert, Sito e un servidor, en total dez corredores. Cada quen ten o seu obxectivo, nalgúns casos moi esixente como é o baixar de 1:20'. O meu non o teño ben definido aínda. En principio quero baixar a miña marca de 1:25' lograda o ano pasado, creo que podo facelo mais estes días estou un tanto preocupado por unha lesión de última hora en forma de sobrecarga no isquio dereito que me ten preocupado, de feito a semana pasada case non puiden adestrar e nesta semana non vou poder facer as series curtas, causantes de tal lesión.

A nivel equipo espero poder superar a 19º posto de hai dúas edicións, xa que desta vez temos un par de galgos que poden facer moi bos tempos.

A Vig-bay é a carreira por excelencia en Galicia, a día de hoxe xa supera os 3000 inscritos e aínda non se pechou a inscripción: Non sei se se chegará aos 4000 previstos pero xa de feito pasa por ser a mellor media tanto en participación como en infraestrutura. Os Taninos estaremos ao nivel que tal proba merece.

Saúde e quilómetros!!

09/03/11

Gústache correr?

Navegando pola rede atopei esta entrada que reproduzo aquí e creo que me identifico con máis da metade das cousas que di, será grave?


¿Eres adicto a correr?


Sabes que ya eres corredor cuando:
  • Tratas de convencer a todo el mundo que corra 5 km, "porque eso no es nada."
  • Te sabes las distancias a todas partes con una precisión de 0.1 km.
  • Te parece que la diferencia entre 14km/h y 15km/h es inmensa.
  • La enfermera se asusta porque tus pulsaciones están en cuarenta.
  • Tus héroes son todos africanos y te empiezas a parecer a ellos.
  • Plátanos, pasta y agua son el 80% de tu dieta.
  • No corres para adelgazar, sino que adelgazas para correr.
  • Te levantas más temprano los fines de semana que los día de trabajo.
  • Los viernes te acuestas más temprano que el resto de la semana.
  • Sales escondido a correr porque te da pena decirle a la familia que vas por tu segunda carrera del día.
  • En un día "suave" corres 10km.
  • En el lavandero hay un sitio especial para la ropa de correr.
  • Cuando viajas, los zapatos los cargas en el equipaje de mano.
  • Eres el único al que no le importa que el ascensor no funcione.
  • Ya nadie pelea contigo porque sales a correr un 25 de diciembre.
  • Corres 13 km, te bañas, te vistes, desayunas y cuando el resto de la gente se despierta te pregunta: ¿Qué pasa? ¿hoy no corres?"
  • No puedes correr en el gimnasio porque la cinta tiene un limite de 30 minutos (de todas maneras correr en cinta te parece una mierda.)
  • Ves maratones por televisión.
  • Cuando los gels y los energy-bars te empiezan a saber bien.
  • Mezclas Gatorade con agua porque "la concentración comercial no es la correcta".
  • Desayunas a las 4 de la mañana.
  • Te molesta la gente que le llama a cualquier carrera "maratón."
  • Cuando la familia ya no te dice que corres mucho o que estás muy flaco.
  • Viajas 100 km para una carrera de 10km.
  • Te fijas en las zapatillas que usan otros.
  • Sabes que Runner's World siempre publica lo mismo y de todas maneras estas suscrito y la lees todos los meses.
  • Sabes más de rodillas que un médico.
  • Te puedes tomar 4 litros de agua seguidos.
  • Tienes un blog para escribir estupideces como éstas.

18/02/11

XXVII Maratón de Sevilla. A crónica .






Mércores 9 de febreiro, hoxe son ás derradeiras series de mil en Pardellas antes da carreira, antes un breve trote de catro quilómetros e informar aos meus compañeiros de que no Atlántico diario van a sacar unha noticia sobre a nosa experiencia, esta mesma tarde chamáronme para facer unha entrevista, fainos ilusión isto de saír na prensa. As series saen ben, estou moi contento creo que a carreira vai saír como quero. Despois do adestramento reunímonos para perfilar a viaxe a Sevilla.

Xoves 10 de febreiro , efectivamente saímos no Atlántico, xa somos famosos!. Estamos desexando que chegue o día da carreira, a espera faise longa. Empezo a ter molestias no arco pé dereito, o pé que tiven lesionado no verán. Non quero darlle importancia seguro que son os nervios.

Venres 11 de febreiro, día da viaxe. Saímos cara Santiago as 15:00 para dende alí ir en avión a Sevilla, pero antes teño que ir a traballar pola mañá e por sorpresa recibo a chamada de dúas emisoras de radio ( Radiovoz e Onda cero) queren entrevistarme para contarlles a aventura, póñome un pouco nervioso pois as dúas entrevistas van en rigoroso directo, Onda cero as 13:10 saio airoso do asunto, a segunda Radio Voz as 14:45 mellor aínda empezo a collerlle gusto a isto das entrevistas.

O avión sae cun pouco de retraso e vai cheo, nel coincidimos con Dani Bargiela e con outros corredores do equipo Atletismo Monte Segade de Lugo, polas pintas algún corredor máis se pode ver na cabina do avión.

Xa en Sevilla e unha vez instalados no piso saímos a trotar un pouco para estirar pernas, temos o piso en pleno centro histórico plagado de bares cheos de xente que nos miran estranados, xa estamos acostumados a que nos vexan con cara rara. Durante a carreira as dores no pé volven, son molestias pequenas pero fan que a cabeza empece a darlle voltas en sentido negativo, empezo a pórme nervioso. Despois da cea en grupo e das risas trato de esquecerme do tema.

Sábado 12 de febreiro a representación tanina levántase cedo e tras o almorzo nos diriximos ata a feira do corredor instalada no Estadio Olímpico ( Illa da Cartuja) na procura dos dorsais. O camiño facémolo con calma, son tres quilómetros de paseo por calle Sierpes, Alameda de Hércules e a Cartuja,ao día seguinte teremos que facelo de novo pero máis a présa.

Xa no estadio recollemos os dorsais e os agasallos, hai moita xente a recollelos e poucos a entregalos, as colas son bastante longas, a pesar de que David non levaba o DNI ( á súa carteira pasoulle como ao carro de Manolo Escobar) déronlle o seu dorsal sen problemas en cambio Víctor e Tista teñen problemas cos seus dorsais pois non aparecen, tras ir e vir dun lado ao outro conseguen o ansiado dorsal.

Na bolsa de corredor hai unha camiseta e pantalón de atletismo ademais dunha bolsa para levar roupa, chaveiro, insignia conmemorativa, bastante completa para o que pagamos de inscripción.

Despois de dar unha volta pola feira (nada que ver en tamaño coa de Barcelona) e de sacarnos unha foto con Luís Miguel Martín Berlanas fomos cara a comida de hidratos que proporcionaba a organización nas instalacións de "Isla Mágica". Prato de pasta (escaso), actimel, mazá, froitos secos, flan e bebida que desfrutamos nun ambiente agradable rodeados de corredores de todas as partes de España.

Pola tarde decidín durmir a sesta e descansar mentres preparaba as cousas para o día seguinte e contestei as mensaxes de ánimo recibidas.

Mentres nos preparamos para a cea tiven un ataque de pánico, estaba realmente preocupado, non as tiña todas comigo de poder rematar a proba e moito menos de baixar a marca persoal, nin o chocolate conseguira calmarme, deiteime un pouco, descansei e coa charla de equipo conseguín tranquilizarme.

Trala marabillosa cea en compaña dos Taninos contando anécdotas, bromas, etc apaguei o móbil e a durmir non sen antes botarlle radio salil ao pé.


Domingo 13 de febreiro . 6:30 soa o despertador. Os Taninos imos espertando e preparando o almorzo. Non estou nervioso, nin preocupado, o que teña que ser, será. Cada quen fai o seu ritual pre-carreira. No meu caso despois de rematar o almorzo, que foi igual ao de todos os días, empezo a me vestir. Crema nos pés ( outra vez radio salil), íngoas, sobacos e peitos, hai que evitar as rozaduras. A continuación o uniforme de tanino cos petos do pantalón con dous xeles e unha pastilla de glicosa. Preparo a bolsa que vou deixar no gardarroupa e cando xa estamos todos listos saímos cara o estadio olímpico, son as 8:15.

Imos metade trotando metade camiñando, así as 8:45 xa estamos nas portas do recinto deportivo. Fotos de rigor, deixo a roupa no lugar reservado imos ata pista.

O ambiente é espectacular, milleiros de corredores de aquí para alá, nervios, visitas aos urinarios uns, mexada en botellas de plástico outros, saúdos, charlas...

Faltan 20 minutos e xa estamos todos en liña de saída. A espera faise longa, entretémonos mirando o vídeo marcador do estadio que emite imaxes do interior, non penso no pé, se teño que retirarme xa sei onde vai estar Anxo vendo a proba ( km. 5, 10 e 15 ) se supero eses quilómetros a cousa vai ben.

Son ás 9: 30 horas, soa o disparo de saída : Empeza o Maratón !

A pesar de estar ben colocados saímos andando, incluso arrastrando os pés, perdo aos meus compañeiros e non consigo empezar correr ata saír do túnel do estadio, saída mal organizada pois ao non haber caixóns de saída hai corredores que non se sitúan onde por marcas lles correspondería. O primeiro km. fágoo a 4:49, moi lento, ata pasado o primeiro km onde a avenida é ancha non consigo coller o meu ritmo. Busco un grupo no que arrouparme e me pego a uns corredores do Monte Segade. Os quilómetros van pasando, atópome ben, trato de manter un ritmo de 4:10 e o mellor é que non me doe nada, así ata o km.12 onde vexo que vou mellor que os meus compañeiros e busco outro grupo por diante.

Paso o 15 saúdo a Anxo e a Luís , non os volvería a ver ata a meta, sen rastro de dores no pé, concéntrome na carreira. A única molestia que teño é unha dor debaixo do ombreiro esquerdo, unha vella contractura que co frío que vai nesta mañá estáme a fastidiar.

Chego á media maratón marcando un tempo de 1:28:40 vou máis lento que en Barcelona, pero penso que o podo recuperar.

Busco outro grupo por diante, alí hai un corredor ourensán, charlo un pouco, animámonos e póñome a tirar do grupo, aquí prodúcese a anécdota da carreira pois ao ver o nome de Ponteareas na camisola varios compañeiros de grupo lémbrase de Álvaro Pino, botamos unhas risas e sigo ao meu.

Km 29, pasamos polo Benito Villamarín (estadio do Betis), e consigo contactar con outro grupo, comprobo que vou ben, este grupo parece o bo e trato de seguir o seu ritmo.

Atravesamos outra vez o río para adentrarnos en Triana, máis ben rodeamos Triana, empezo a sufrir, creo que empeza o maratón de verdade. No km. 35 o grupo empeza a desfacerse, algúns fan a goma, outros van mantendo o ritmo, eu entre eles, outros o incrementan , teño a sensación de que aquí se está xogando a marca, como comprobo que sigo por debaixo das tres horas non me preocupo.

Km. 38 entro de novo na illa da Cartuja, chéirase a meta, nin rastro do grupo, cada quen sobrevive como pode, empezo a ser superado, aumento o ritmo pero teño medo de romper e volvo a baixalo, prefiro manterme como estou o que conleva que os seguintes quilómetros van ser máis lentos.

Km.41 o estadio esta aí, que ganas teño de chegar! Esquézome do reloxo, é hora de gozar do conseguido, penso nos adestramentos, nas series, nos días nos que estando de vacacións me levantaba cedo para correr, nos amigos que me apoian. Entro no estadio faltan trescentos metros nada máis, nese intre desexaría que o tempo se parase para poder gozar mellor do momento mais pola contra apuro o ritmo, adianto corredores, saúdo a Anxo na bancada, ergo os brazos, entro en meta ( 2 h: 58': 01'' ) , párome, ando, dánme unha toalla para cubrirme, bebo , saúdo, emociónome cando recollo a medalla , que bonita é! . Atópome con Edu, abrazámonos, que tempazo fixo! ( 2:53: 47) . Pouco a pouco ímonos xuntando os taninos, vexo a Tista ( 2: 52: 58) coxeando, dende o km 15 co xemelo tocado, tamén vexo a Carlos ( 2:51: 51) , quéixase do esforzo, e quen non!, grandes tempos para ser debutantes. Ao pouco chegan Dani ( 3: 06: 50 ) , Víctor e David ( 3: 11: 39 ). Xuntámonos e imos ata a bancada e dende alí vemos chegar a Robert ( 3: 38: 46) , vai fastidiado, o xeonllo non lle respondeu e pola súa cabeza pasou a retirada pero aínda non se retirou un tanino dun maratón! bravo Robert!

David no km. 5

Xa todos xuntos regresamos a casa andando, onde nos esperan unhas marabillosas pizzas e unhas refrescantes cervexas que temos ben ganadas. Contamos a nosa carreira e celebramos o éxito. Na tardiña toca ir de pinchos, finos e cañas. A experiencia toca ao seu fin.

Luns 14 de febreiro regresamos a Ponteareas non sen antes dar un último paseo por Sevilla antes de coller o autobús que nos deixa no aeroporto.

Foi un fin de semana fantástico, alguén o bautizou como o “Gran Hermano Tanino”, cada quen no seu papel : cociñeiros, animadores, organizadores e sobre todo amigos e deportistas.

Xa estou pensando na seguinte, esta experiencia hai que repetila, tal vez Barcelona 2012 ? pode ser.

Agora hai que pensar en recuperarse, a Vig-Bay está á volta da esquina e aí hai que dálo todo de novo.

Saúde e quilómetros!!!

14/02/11

Maratón de Sevilla

Para todos os que esperades a crónica desta experiencia quero pedirvos paciencia, hai moito que contar e quero facelo ben asíq ue preciso de tempo. Para abri boca aquí vos deixo algunhas fotos que atopei pola rede.
Paciencia!