13/04/10

XI Vig-Bay. A crónica.


No Primeiro quilómetro


Precioso día pero non para correr, despois dun inverno de frío e choiva tivo que coincidir o primeiro día de calor forte coa Vig-Bay!!.Xa na véspera cando me despracei ata o edificio do Verbum na procura dos dorsais, a calor era preocupante, de feito falando con Pilar Ruiz, mestra de cerimonias desta carreira, os efectos que podía causar a temperatura elevada nos corredores era a súa maior preocupación.
O domingo chegamos a Samil unha hora e media antes da carreira e a temperatura xa era agradable para seren 9 da mañá .A rutina de sempre: café, charla sobre a carreira, cambiarse, cremiñas, fotos e listos para correr.


Os Taninos en Samil

Trala rutina cada un foi ocupando o seu lugar nos caixóns de saída, que por certo moita xente colocouse onde lle deu a gana, está visto que se non fan uns caixóns por tempos acreditados haberá xente que non os respete.
Ás dez e media en punto deuse a saída. No meu caso tardei escasos seis segundos en pisar a liña de saída e encender o meu cronómetro ( por certo ao igual que en Barcelona non me funcionou o pulsómetro en toda a carreira). Pasei xunto con Edu polo Km 1 en 3':48'' polo que decidín baixar o pistón para pasar polo segundo km en 3':54''. Este ritmo o mantiven ata o km 7, mentres que Edu sacábame xa uns bos setenta metros.
Sobre o km 6 atópome coa grata sorpresa de que Dani e Tino ían a seguir a carreira en bici dándonos ánimos.
No km 9 dou alcance á Edu e comprobo, pola súa respiración moi entrecortada, que non o está pasando nada ben. Sigo ao meu ritmo que a estas alturas xa roza os 4'/km. Pasamos xuntos polo km 10 en 40':02'', lonxe do previsto o que me fai ver que o día non ía ser propicio para grandes marcas. Sigo a ritmo de 4'/km ata o 15 onde faría 1 h:00':01'', Edu xa non me segue daquela xa lle quitaba 45 segundos.



Quilómetro 15. Praia América

A partir de aquí se a carreira non ía ben de todo agora iría peor. En praia América o sol daba de cheo e ademais a estrada pica lixeiramente para arriba. De repente sentín que ía cravado , non había maneira de cambiar o ritmo e xa non sería quen de baixar de 4':04''/km, camiño da Ramallosa empecei a sufrir, e o peor estaba por chegar.
Coma sempre que fixen esta carreira a zona de Sabarís fáiseme eterna e iso que esta vez fun quen de adiantar a varios corredores. A meta non daba chegada, as pernas pesábanme, a boca seca, o corazón a tope e un único pensamento: rematar! . Anímanme Dani e Tino dende as súas bicis, David dende o borde da estrada e xa case entrando en meta, os amigos que foron a ver a carreira, síntoo pero non teño nin forzas para saudalos, só penso en chegar e rematar.





Sen palabras

Entro en meta cun tempo de 1 hora 25 min e 1 segundo. ( Tempo neto ). Con respecto a anterior participación nesta proba melloro o crono en 3':09'' pero en relación coa miña mellor marca quedeime a case 2':30''.

A pesar de non cumprir o meu reto estou satisfeito coa carreira, a calor xogoume unha mala pasada, como se di coloquialmente, teño comprobado que vou mellor en ambientes fríos, de feito as mellores marcas sempre as fixen con temperaturas máis ben frescas, pero como dicía estou satisfeito por mellorar o meu tempo na proba e por poder volver desfrutar desta carreira.
Esta carreira ten algo especial, como dixen máis dunha vez, por ela retomei o mundo das carreiras, e todo o que a rodea ( recorrido, paisaxe, preparativos, animación, etc) fai que sexa especial. Mentres me dure esta paixón esta carreira terá en min un fervinte seguidor.

E como fin de festa a tradicional comida en Ponteareas cos amigos que con motivo desta carreira desprázanse ata Vigo e despois ata Baiona para compartir e desfrutar do ambiente desta Media e animarnos, a eles moitas grazas polo voso apoio.

No vindeiro ano máis!

Agora invito aos Taninos a que vaian propoñendo datas para unha cea no mes de maio, despois de que o Tanino Edu regrese das súas correrías madrileñas.


Os resultados dos Taninos pódense ver a entrada anterior . Deixo aquí a ligazón aos resultados oficiais de championchip



1 comentario:

Antonio Martínez dixo...

Sinto a crónica case como miña. Parece ser que fixo unha calor terrible. Parabéns (eu continuo parado, ata cando?)