13/10/13

Décima semana.As series tocan ao seu fin.

Empezamos  a semana coas pernas moi cargadas tralos trinta quilómetros do domingo entre Oia e A Guarda. O luns fun adestrar con Fon  a Castrelos, había que facer doce quilómetros e costou empezar pero a medida que foron pasado as voltas e os quilómetros as pernas foron quecendo para rematar a ritmo vivo.

O martes tiñamos que facer un farlek, un quilómetro a 3:55 e a seguir outro a 4:35, así cinco repeticións ata completar os dez quilómetros. Tras o perceptivo quecemento e uns progresivos púxenme a facelo. O resultado foi mellor do esperado pois conseguín facer os quilómetros rápidos uns segundos mellor do previsto sen detrimento de facer peor os quilómetros lentos, todo o contario, tamén mellor do previsto.

Tralo descanso do mércores, o xoves rodaxe de doce quilómetros que fixen por Bouxas e Samil.
O vénres outra sesión de series, dúas de cinco mil con tres minutos de descanso.O marcado era a 4:10 a primeira e a 4:00 a segunda, o resultado foi unha primeira serie a 20:30 ( a 4:06 ) e a segunda 19:30 ( a 3:54). Como é de supoñer este resultado déixame máis que satisfeito.

Sábado descanso para o domingo facer a última rodaxe longa de vinte e catro quilómetros. Fun ata Ponteareas para facelas cos meus compañeiros Taninos. Acompañáronme na primeira hora Berto, Dani e Edu, para quedarme na seguinte hora só na compaña de Edu. Xuntos fixemos os vinte e catro quilómetros por un circuíto que combinaba asfalto e terra nun tempo total de 1h:58:08 .

A vindeira semana o plan de adestramento "reláxase" bastante pois o domingo temos unha proba esixente como é a media maratón de Pontevedra, que tomarei como un test que me sirva para definir as miñas posibilidades na maratona. Este ano quédome sen correr a Vigo +11 pero é que a coincidencia no calendario coa media de Pontevedra, fixo que me decantase por esta segunda, unha mágoa que os organizadores da Vigo +11 non se fixen no  calendario antes de fixar a súa carreira.
As series case remataron, nesta semana non temos ningunha , só rodaxes de dez e doce quilómetros. O traballo xa está feito agora a manterse e coidarse.

Saúde e quilómetros!!



Ningún comentario: