24/12/10

Do que falamos cando falamos de correr...

Reproduzo aquí o artigo que o compañeiro tanino e amigo Anxo escribiu no xornal A Peneira, creo que reflicte moi ben o que podemos chegar a sentir cando corremos, admais na miña opinión é dunha calidade literaria excelente. O texto dí así:

Levas cinco minutos sentado. Agarras a cabeza e comezas a pensar na seguinte. Un voluntario quitouche o chip da zapatilla e deuche unha bebida isotónica, ademais dunha peza de froita e algo doce.Levantaches as mans con forza. Realmente non sabes de onde quitas as forzas. Gritaches. De alegría. De éxtase. De dor. De felicidade! Xa apenas quedan mil metros. Mil metros! Levas máis de tres horas correndo (ou intentas baixar das tres horas!). Cando pasaches o muro dos trinta quilómetros comezaches a ver a luz ao final do tunel. Doeche un músculo que non sabes como se chama. É unha dor intensa. Intentas continuar. Intentas pensar noutra cousa. Comezas a escoitar os gritos de ánimo do público que antes pasaran totalmente desapercibidos. A media maratón xa parece unha distancia considerable. Son máis de vinte quilómetros...Pasaches nun tempo decente. Non tes demasiadas molestias. Pensas que son as normais. É a primeira vez que das un paso máis alá desa distancia nunha carreira...Queda outro tanto! O tempo vai pasando. Os metros tamén. Nos dez mil xa notas que as pernas están o suficientemente quentes como para correr un día sen parar. Non o dubidas. Chegarás ao final sen ningún problema. Vas correndo entre un grupo inmenso de xente. Miles de persoas son as que te rodean. Sintes miles de pasos que impactan a un tempo contra o vello chan da cidade vella da fermosa Barcelona. Non das andado. Case estás quieto. Levas dous minutos parado desde que se deu o pistoletazo de saída. Queres comezar a correr. Sintes unha enorme emoción. Non tes palabras. Comezas a pensar por que te meteches nesta historia. Quedan corenta e dous quilómetros e algúns metros para rematar o obxectivo que comezaches a preparar fai meses. Comezan as dúbidas. Pensas en que terías que ter entrenado máis. Pero xa non é o momento. Por fin comezas a correr! Deixas o piso no que estás aloxado desde que chegaches a Barcelona. É moi cedo. Está fresca a mañá. Menos mal que o sol alumea no ceo. Somos moitos os que imos na mesma dirección. Moitas e coloridas as camisetas que ves. Todas de clubes diferentes. Cos nomes dos heroes. Nós tamén temos as nosas! Estamos de estrea!!

Cando estás a punto de levantarte pensas no libro de Murakami: a dor é inevitable; o sufrimento opcional. E ti decidiches, xuntos cos teus compañeiros de aventura, sufrir. Sabes que non o vas a pasar ben, a pesar de querer sufrir nos adestramentos para gozar nas carreiras. Pero unha cousa é o que desexas. Outra será a realidade. Levas dous días paseando por Barcelona, unha cidade de lugares fermosísimos, climatoloxía envexable para ser marzo, gastronomía exquisita, ...levas dous días pensando en dar o primeiro paso da Marató de Barcelona, e levantar os brazos na meta! Parece que os días duran máis aínda que anoiteza antes.

A última semana pasáchela correndo menos do que xa comezabas a estar acostumado. Parece que o plan de preparación prevé reducir os quilómetros nos últimos días, para chegar con ganas á carreira. Xa che resulta raro. Xa estás moi acostumado ás caras raras da xente cando ve a un grupo, ás veces gran grupo, correndo polas rúas de Ponteareas. Caras que acentúan a súa sorpresa e provocan gritos de ánimo cando as temperaturas son xélidas ou a choiva é impestuosa. Recordas novamente a Murakami no seu clásico cando decía que razóns para correr hai poucas. Son moitas as razóns para non correr! Ou porque o traballo non o permite, porque os teus amigos te chamaron para tomar un café, porque prefires dar un paseo con alguén que fai tempo que non vés, porque estás de viaxe, … A realidade é que estás metido de cheo, sen sabelo moi ben, nun plan de adestramento para unha carreira que nunca pensaras en facer. Unha maratón, unha supercarreira, que require concentración, moita, e capacidade de sufrimento, aínda máis! Unha carreira que comezou cando algúns compañeiros se preguntaron en alto: por que non imos a correr unha maratón?? Razóns non hai. Non hai ningunha motivación real para decidirse a preparar unha carreira como esta. A pesar de que poidas dicir que correr é bo, que o exercicio axuda a levar unha vida máis sana, ...A realidade é que as razóns son demasiado persoais e inexplicables. Decidimos correr e corrimos!

Anxo M. Fernández Saborido, atleta.


2 comentarios:

Anónimo dixo...

"Noraboa polo relato dunha vivencia única en compañía"

Rama

Anxo F. Saborido dixo...

O mellor de todo o texto é a última palabra: "atleta"!!!! É suficiente, non hai que dicir nada máis!!