29/11/09

XIV Media Maratón de Pontevedra: A carreira.

Segundo obxectivo cumprido e premio para o esforzo e dedicación. A falta dos resultados oficiais o meu tempo na XIV Media Maratón de Pontevedra foi de 1h. 22':29'' moi por debaixo do obxectivo que me marcara, polo tanto é lóxico que está satisfeito de dando botes de ledicia.


A crónica da carreira comeza coa chegada a Pontevedra baixo a chuvia, o tempo estivo cambiante durante toda a mañá, así chovía forte como se abría o día, iso si, a temperatura non superou os 8 ou 9 graos. Tras recoller o dorsal , tomar un café e cambiarnos no coche fomos trotando cara a saída, ao carón do Estadio do Centro de Tecnificación. Alí saudamos a varios coñecidos, entre eles Roberto Feijoo ( hai un ano compartiamos quilómetros na Maratón de Donostia), Beauvais e Fer Abreu, e ao resto do Car Marisqueiro.


A saída foi rápida e limpa, sen agobios, pois a rúa era o suficientemente larga para os pouco máis de 600 inscritos, como dixo Edu : semella unha carreira familiar!.

Tras o pistoletazo collín o meu ritmo, quería ir a 4'/km. No primeiro piquei 3':45'' e no segundo 4':00''; nos quilómetros restantes fíxenos o máis lento a 4':02'' e o máis rápido a 3':43'' ( os kms. 20 e 21 ). Fun sempre dentro do meu límite, en ningún momento me sentín fóra de ritmo e sempre controlando e buscando algún grupo no que atoparme cómodo, cousa que non conseguín pois case fixen toda a carreira só, ou ía moi rápido ou algo lentos para o meu gusto

Por diante a poucos metros ía Edu ao que podía saudar e animar nas zonas nas que o circuíto facía xiros de 180º , na primeira volta sacábame uns 20'' e na segunda 30''. No quilometro 10 marcaba un tempo de 39':18'' ( por debaixo dos 40' que tiña previsto), as sensacións seguían sendo boas, e ía gañando marxe por se me entraba a páxara nalgún momento.

Na segunda volta seguín só, no quilómetro 12 un grupo amplo viña moi preto de min, alcanzáronme no 14 pero non deixei que me superaban e púxeme diante del aumentando o meu ritmo. No km 15 e cando vexo que Edu está relativamente preto e tentei ir a por el. A cada metro que daba mirábao máis cerca de min o que me deu máis ánimos, ademais sentíame ben sen síntomas de desfalecemento. No 18 consigo alcanzalo, anímoo para que me siga pero vou como un tiro e sigo adiantando a outros corredores. Ao paso pola Peregrina vexo de reollo unha camiseta amarela pero no era a de Edu, xa me convenzo de esta podía ser a miña carreira. Derradeiro quilometro, vou polo aire, non collo auga ( foi o único abastecemento que non collín ), as pernas están cargadísimas, sigo adiantando corredores e xa nas pistas do Estadio adiántame un corredor mentres que eu tamén adianto a outro nos derradeiros metros, paso a meta e paro o reloxo en 1h.22':29'' ( de arco de saída a arco de meta) paro recollo auga e vexo entrar a Edu (1h. 23'.01'' ), as pernas téñoas moi, moi cargadas o frío que había contráeme aínda máis os músculos. Esperamos a que entrara Maxi ( 1h 26':30'' aprox.) e marchamos trotando cara o coche pois estabamos sentindo moito frío.


Lamento non poder esperar a entrada doutros corredores, só me deu tempo de ver a entrada de Beauvais ( noraboa pola marca) pero o frío era moito e ademais estabamos mollados como pitos!. Mágoa de día frío e chuvioso, lembroume moito ao maratón de Donostia do ano pasado, pero é o risco de facer carreiras a estas alturas de ano.


Fin de temporada. Agora disfrutar destes resultados e a pensar definitivamente no Maratón de Barcelona.

Xosé M.: Posto 65; tempo 1h.22':37''
Edu: Posto 74; tempo 1h.23' 07''
Maxi: Posto 121; tempo 1h. 26' 41''
Victor: Posto: 409, tempo 1h. 40'00''


Para ver o resultados oficiais picar aquí.


XIV Media Maratón e Pontevedra


Saúde e quilómetros !!!!

25/11/09

XIV Media Maratón de Pontevedra




Este é o circuíto aproximado da Media Maratón de Pontevedra que se vai celebrar o domingo 29 de novembro. Despois de conseguir o obxectivo marcado para esta parte da temporada,baixar de 38'00'' nun dez mil , agora vou a pro outro obectivo secundario: facer marca persoal na media maratón.

Perfil da Media Maratón de Pontevedra 09

Hai ano e medio fixen 1:28':10'' na Vig-Bay, agora creo que estou preparado para rondar un tempo de 1h: 24', é un tempo moi esixente pero vouno tentar. Esta semana adestrei moi pouco. Dende a carreira de Óscar Pereiro saín a trotar unha e pouco ao día seguinte. O mércores cinco series de mil entre 3':53'' e 3'20'' e o venres 45' de trote suave. O domingo o desenlance.

Saúde e quilómetros

22/11/09

II Carreira Popular Benéfica Óscar Pereiro. Obxectivo cumprido

II Óscar Pereiro


Despois do fiasco da semana pasada na S. Martiño ao segundo intento puiden conseguir o que buscaba nesta temporada : baixar de 38' nun dez mil. Nunha semana non se mellora tanto como para baixar máis dun minuto unha marca tan esixente, polo que creo que as desculpas dadas a semana pasada algo tiveron que influír.

Xa no regreso de Ourense Edu e un servidor propuxeramonos sacar a espiña nesta carreira. Con tal motivo platexamos os adestramentos da semana pensando na proba.

O martes fixemos unha rodaxe de recuperación coa grata sorpesa da reaparición do Tanino Tino, esperamos que a denominación de "difunto" pase á historia ( jajaja). O mércores repetimos as catro series de mil que fixeramos a semana anterior ( entre 3:50 e 3:21 no meu caso), para o venres sair a trotar suave durante corenta minutos.

O sábado, día da carreira, amaneceu de novo chuvioso, a medio día a cousa púxose aínda máis fea coa tromba de auga que caía, o que non era bo sinal para poder correr ben pola tarde. Pero cando chegamos a Mos, sobre as 4 da tarde, o tempo empezou a mellorar. Tras recoller os dorsais fomos a cambiarnos para iniciar o quecemento. A carreira estaba prevista para as 17:30 pero entre as carreiras dos nenos e sobre todo polas intervencións dos organizadores e da presidenta da asociación à que ían destinados os donativos ,a carreira retrasouse, ademais por se o retraso non era de abondo tivemos que esperar a que se sacase a foto oficial da nova secta, digo equipo, dirixido por Alejandro Gómez.

Por fin con quince minutos de retraso deuse a saída. Saín acompañado de Isma, Maxi e Rober, por díante a poucos metros Edu. No primeiro km tentei non sair de punto e controlar as pulsacións, sen preocuparme por Edu, a pesar destas reservas fíxeno en 3':35'' e o segundo en 3':34'', pero as sensacións eran boas. Maxi decidiu ir con Edu, eu preferín seguir ao meu, O obxectivo non era gañarlle a Edu, era baixar de 38'00'' e ía moi ben para iso. No km. 3 ( 3:43) engancho con eles deixándome levar nunha baixada pero xusto no momento en que iniciabamos unha subida duriña. Aí volvo a quedar descolgado e paso polo primeiro paso por meta dous segundos por detrás. No catro repito os 3':43'' mentras supero a Maxi e vexo que Edu afástase uns metros máis. No cinco o circuíto ponse costa arriba (3:58) e sigo co meu plan de non cebarme en perseguir a Edu, piquei un tempo de 18:35 bastante por debaixo dos 19:00 previstos. Entre o cinco e o seis adiántame unha corredora ( moi guapa por certo!!) que non tiña "fichada" e que resultou ser Margarita Fuentes-Pila.


A oitocentista Margarita Fuentes-Pila

Fago o seis en 3':56'' e o sete en 3':53'' , seguía en tempo de facer marca e o mellor eran as sensacións de que aínda garbaba algo para o final. No oito decido ir a por Edu e fago 3':41'' pero non o dou enganchando ata o nove (3':51'') no mesmo sitio que na volta anterior, esta vez ía acompañado doutros dous corredores cos que levaba un pique particular, cheguei ao seu carón e desta volta aguantei na subida. Á falta de 300 metros e aproveitando outro repeito deixoume atrás e quedei cun dos corredores que conseguira resistirnos na costa anterior (o outro claudicara). Xa na recta de meta o que me acompaña espríntame e cando creo que non vou poder dar maís saíronme forzas non sei de onde para aguantalo e chegar con el. Penso que o superei pero na cronometraxe oficial aparezo por detrás co mesmo tempo bruto pero cun segundo menos no tempo neto, pero isto era o de menos o importante foron os 37':45'' que conseguín ( tempo neto ).

Edu 37':40'' posto 65
Xosé 37':45'' posto 71
Maxi 38':46'' posto 93
Isma 40':17 posto 149
Rober 43':52'' posto 291

Resultados da II Carreira Popular Benéfica Óscar Pereiro

Rematada a carreira pasamos ao pavillón Óscar Pereiro onde nos tiñan preparado un avitullamento moi completo : auga, aquarius, rosquillas, froita, galletas, powerade. Alí atópamonos cos compañeiros Taninos e asimilados e puidemos comentar a carreira e disfrutar das marcas realizadas.

Despois recollín a miña bolsa coa roupa na consigna e fun a ducha, onde puiden coñecer ao gañador absoluto da proba Robertas Geralavicius.
Ao volver á pista do pavillón tomei un café agasallo da organización e o mellor de todo un marabilloso prato de callos ( que ricos estaban!! jajaja)



Estupendo prato de callos

Como tiña tempo asitín á entrega do cheque á ASODIFISI (3300 € ) e á entrega dos trofeos a todas as categorias.

E despois de todo isto :



Foi unha boa semana deportiva. É gratificante conseguir os obxectivos marcados e máis gratificante aínda poder compartilos con todos os Taninos.

Agora a pola Mendia Maratón de Pontevedra, caerá outra marca persoal?

Saúde e quilometros!!

15/11/09

XXXIII San Martiño: Obxectivo non cumprido.



Fotos atopadas no xornal " La Región"

Pois non puido ser, ao final fallei por un minuto ( 38':59''), por adestramento non foi. Tal vez fora un reto moi alto para as miñas posibilidades, tal vez influiu o día totalmente desapacible, o circuíto mollado, non ter durmido ben... todo isto soa a desculpas e non quero caer niso.
Pola outra banda nin Edu nin Dani conseguiron os seu retos, semella que non foi unha boa carreira para os Taninos. Ni tan sequera Isma, Rober e os demais compañeiros de Ponteareas que nos desplazamos a Ourense se mostraron moi satisfeitos da carreira, xa sabedes ese dito : mal de moitos consolo de parvos!.

En canto á miña carriera e pasando por alto a previa pasada por auga dicir que esta vez si conseguimos situarnos perto da saída, para isto houbo que deixar de quecer vinte minutos antes, embutidos en bolsas do lixo para resgardarnos da chuvia e manter a calor corporal. Aínda así tardamos once segundos e psar pola liña de saída. Non puiden ter vía libre para correr ata case pasar a Ponte do Milenium, no primeiro quilómetro non me atopaba moi agusto nin moi concentrado na carreira, só cando cheguei ao 2º Km. empecei a sentirme en carreira, levaba poucos metros por diante a Edu e pegado a min a Dani. Ata o Km. 5 fun cumplindo os obxectivos a pesar de que os carteis que indicaban os puntos quilométricos non debían estar no lugar correcto por que a diferencia entre un Km e outro podía variar ata 30''.

No sete deixei de ter como referencia a Edu, e a miña preocupación era que Dani me superase por que non me sentía cómodo, ao non ter referencias correctas non sabía cal era o meu ritmo real, trataba de enganchar o ritmo de outros corredores pero non atopaba a ninguén co que me sentise cómodo . No Km. 8 adiantoume Horacio ( Billa ) saudoume e tratei de seguilo pero pouco antes do cartel do Km. 9 tiven que renunciar a seguilo e preocupeime de non abafarme e acabar dignamenteo obxectivo de baixar de 38' estaba xa lonxe. Sobre a Ponte Romana apretei a zancada e adiantei a algúns corredores coa intención de, polo menos, mellorar a miña marca nos 10000 m., cousa que funalmente puiden facer.

Resultado final 38':59'' posto 260. Edu 38':31 posto 227. Dani 40':09'' Posto 372. Isma 41':06'' posto 480. Rober 44':47'' posto 979. Maxi 40' :30'' posto 445. Fernando Rama 44':02'' posto 853. Rafa Dios 43':51'' posto 912.Victor 43':31'' posto 982 .

Nesta ligazón pódense ver os videos de entrada en meta, son videos dun minuto de duración, premede no minuto de carreira que queirades ver e xa está : Videos da carreira.

Resultados completos na web de championchipnorte : XXXIII Carreira de San Martiño.

Agora tentarémolo de novo na II Carreira Popular Benéfica Óscar Pereiro (Mos), que se celebra o sábado día 21 deste mes. E se non hai problemas coas lesións o día 29 estaremos en Pontevedra para participar na XIV Media Maratón de Pontevedra , sera por carreiras!!.

Saúde e quilómetros!!.

XXXIII San Martiño





08/11/09

Décimo primeira semana. XXXIII San Martiño.

Ben xa case está todo feito, máis, penso que non puidem facer. A falta dunha semana penso que fixen o traballo que se tiña que facer, só me saltei uns poucos días de adestramento por culpa dunha lesión e outro por participar ao día seguinte nunha competición, polo demais cumprin co plan fixado e ademais complementei os adestramentos de carreira co traballo no ximnasio.

Esta semana variei o primeiro día de rodaxe, de martes adianteino ao luns, facendo 11 Km e o mércores 12 sereis de 300 entre 1:08 e 0:55.

O venres outros 11 Km. Sábado tres series moi esixentes de 2000 m. que conseguín realizar en 7:49 , 7:36 e 7:11 , para o domingo rematar a semana cunha tirada de 18 km en progresión cun tempo final de 1 h.:24':37''.
Agora só falta un día de series ( 4x1000) e unha rodaxe moi suave para estar a tope o domingo 15 de novembro na San Martiño de Ourense.

Non sei se poderei cumprir co obxectivo pero o que teño claro é que vou a intentalo a tope e se non sae pois tampouco pasa nada, xa haberá oportunidades de volver a tentalo. A día de hoxe manteño a ilusión de poder cumprir o obxectivo xa que nos últimos adestramentos atopeime ben e hai algún tanino por aí que ten moita confinaza nas miñas posibilidades ( máis das que me vexo eu! ) espero non defraudar as súas espectativas.



Este é o circuito da carreira de San Martiño ( Ourense ). Só o realicei unha vez hai catro edicións e rematei nuns, hoxe, pobrísimos 52 minutos e lesionado. Lembro que non é un circuíto doado, ten constantes subes e baixas, o frío tamén inflúe negativamente para min e ademais presenta o problema de todas as carreiras onde os participantes se contan por miles : a saída. Hai tanta xente que ou fas un quecemento deficiente e colocaste cedo na saída ou se te descoidas colócaste moi atrás na saída e despois tes que sortear a moitos corredores que levan un ritmo inferior ao teu. A próxima crónica será a da carriera que haxa sorte para todos!!!

Saúde e quilómetros!!

Pd. Semella que o "defunto" está tentando resucitar, dende aquí os meus mellores ánimos e desexos de que volva a atopar as ganas de saír a correr, botámolo de menos. Por certo creo que o que ten agora "un abdominal" é el!!! (jajaja)
Pd.2 A cea de nadal dos Taninos estableceuse para o venres día 18 de decembro, se os Taninos "defuntos" ou os de "tempo parcial" teñen algún problema pola data que o comuniquen para poder buscar outro día.

01/11/09

Décima semana.

Outra semana máis e xa queda menos. A verdade é que xa estou desexando que chegue o día. Faltań quince días para a carreira que levamos preparando dende finais de agosto e estáseme facendo longo. Creo que estou nese punto de dúbida na que me custiono se estou preparado, se non vou chegar ou se chego pasado de forma. Lembro que hai case un ano cando estaba a preparar o Maratón de Donostia a unha semana da carreira non cría que puidese nin tan sequera rematar a carreira e incluso na vespera da carreira non estaba nada convencido do mesmo, e despois fun quen de facer a mellor carreira que lembro. Tal vez sexa ansiedade ou non sei que.

Esta semana salteime un adestramento. Saímos o martes pero non o mércores cambiando a sesión de series para o xoves ( 9x400 de 1:27 a 1:13) descansei o venres para facer o sabado as series programadas: un 4000 a 15':40'' e un 3000 a 11':20''. Fun a facer as series só, xa que Edu non puido por estar convalecente dun proceso febril, e na primeira serie os dous primeiro quilómetros fun un pouco por riba da media e obrigoume a subir o ritmo nos dous seguintes pero pasieme de ritmos e o que tiña que facer en 15'.40'' saíume un 15':28''. Na segunda serie paguie o esforzo da primeira, e tras un primeiro Km sobre o ritmo previsto, os dous seguintes fixéronseme moi duros e rematei en 11':26'.

Na rodaxe longa do domingo e tras durmir pouco o ritmo foi bastante máis lento do que estabamos a facer nas últimas rodaxe longas. Ademais esta semana estrenei zapatillas, unhas Mizuno Alchemy 7, modelo para pronadores severos coma min pero que son moito máis pesadas que as Elixir que acostumo a empregrar, ademais notoas moi ríxidas no talón . A razón deste cambio e buscar unha zapatilla máis duradera e resistente para facer rodaxes, mentras que as Elixir as empregarei nas series e nas competicións.

Despois de todo o comentado estou pesimista de cara ao obxectivo de baixar de 38':00'' na San Martiño. a día de hoxe non vexo en condicións e creo que me contentaría con baixar e 39':00'', bueno igual preciso unha sesión de positivismo cos Taninos.
Por certo: xa estou inscrito na XXXIII edición da San Martiño.